DSC_0340Cando tes que estar 7 días, 168 horas como en “La noche boca arriba”,  os ollos no teito branco, na mesma esquina, tes que recorrer a todo aquelo que fuches gardando durante tantos anos no fondo da memoria, aquelo que eu chamo “vida interior”. O de non poder ler amoloume bastante, máis aínda cando chegou a casa a primeira entrega deste ano da colección de Espiral Maior con cinco marabillosas obras nas que desexaba deixar os ollos, Um pouco acima da miséria, de Amadeu Baptista, XXIX Premio de poesía cidade de Ourense, cunha fermosísima imaxe na portada dunha obra de Isabel Pintado. Os longos versos de Amadeu, que tanto me gusta… e que hoxe, xa de novo cos ollos alí onde os desexaba pousar, sobre estas e outras liñas da emoción,  sulcan os versos entre nomes magníficos tamén para mín, e que el vai introducindo no título de cada poema: Kafka, Tolstoi, Sylvia Plath, Stephen Szweig ou Mishima. O tamén esperado A distancia do tambor, de Eva Veiga, que levou o XIII premio Fiz Vergara Vilariño. Algúns poemas mínimos, e que rebentan de luz. A capa, de Alfonso Costa, coma sempre, fermoso diálogo co texto.  Outro moi esperado é o de Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás, que ben sei que hoxe presenta en Portas Ártabras e, de novo, non poderei estar. Acadou o XVI premio de poesía do Concello de Carral. Completan a entrega Tempo de cristal de sombras, de Xosé María Álvarez Cáccamo, do que aínda me queda a lembranza do anterior poemario, A boca da galerna (capa de Manolo Figueiras) e Memorial e danza, de Francico Cortegoso, de quen lera algún poema na Antoloxía da cidade na poesía galega do XXI. Non podo decir que as horas que pasei sen lectura, escrita, cine, pintura, aire libre, bicicleta, praia… e tantas cousas que me gustan foran perdidas. Aínda que na radio o que dominaba era o fútbol e a monarquía, duas cousas que recoñezo, aborrezo profundamente, tamén escoitei as voces de Maria Bethania, Marisa Monte, Adriana Calcanhato, Djavan, Rubén Blades, e moitos máis nos Elefantes de Carlos Galilea. Aproveitei para apaisoarme de novo coa voz de Cortázar nos seus contos fantásticos, ou a de Cecilia Roth lendo tamén algún deles, e na miña cabeza comeza a xermolar un novo cadro. ademáis, cheguei xusto a tempo para acudir ao encontro literario con Chisco, Francisco X. Fernández Naval, no que falamos sobre Cortázar e quedamos todas e todos marabillados coas historias que el nos contou. DSC_0343Cando era nena e estaba enferma a miña nai cando saía facer a compra voltaba cun contiño daqueles recortados dos clásicos de Grimm ou Perrault, que seguramente todas e todos tivemos. Nesta ocasión, non podía ler, claro, sería case unha crueldade traerme un libro, e máis un daqueles contos, pero me agasallou co Giulio Cesare de Handel, así qeu, a música foi unha boa compañeira.

Advertisements