Etiquetas

, ,

caixa8Hoxe saen para Londres as caixas coa nosa obra para o proxecto “Portable” ao que nos convidou a participar Willian M. Hudson. Trátase dun intercambio entre Londres _ Ullapul e A Coruña, no que participamos un total de 12 artistas, 4 de cada lugar. Pola nosa banda iremos Isabel Pintado, Carlos Botana, Xacobe Meléndrez e eu. A banda galega está coordinada por nós (arteu). O proxecto consiste en traballar en torno ao tema do mar e dos portos, no seu sentido máis amplo, xa que os tres lugares teñen porto de mar e a súa economía, sociedade e cultura están moi vencelladas a eles. A obra de cada un de nós ten que caber nunha caixa de cartón dun tamaño un pouco maior que unha de zapatos, asi que a partir de aí tivemos que dar moitas voltas ao proxecto. As obras serán expostas nos tres sitios, comezando por Londres, onde estarán a principios de xuño e finalizarán en Ullapul en outubro. Paralelamente ás exposicións teremos residencia de artistas e realizaremos obradoiros relacionados coa nosa creación. Eu irei a Londres con Isabel Pintado, onde impartiremos 2 obradoiros, un de cianotipia e libro de artista a partir de poemiñas que vaian xurdindo, e outro de pintura sobre tea.
A exposición aquí será no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), onde sempre teñen unha sensibilidade especial para a creación artística e poética que vai moito máis alá dos intereses meramente comerciais. É un espazo fantástico, con moitas visitas e nun enclave privilexiado. Durante o tempo que dure a exposición haberá poesía de aquí e dalá, obradoiros artísticos e de reciclaxe, en inglés, impartidos por artistas ingleses e en plena natureza, e moito máis do que vos iremos informando.

London: do 4-10 xullo na Fordham Gallery, durante ese tempo a galería (é un barco) percorrerá os canais de Hackney no leste de London e despois se exhibirá en Art in the Park  no sur de London onde impartiremos os obradoiros dentro da Open Garden Squares weekend.
A Coruña: 3-30 de xullo, no Castelo de Santa Cruz. Inauguración o día 3 con poesía. Obradoiros artísticos do 3 ao 6.
Ullapul: 12 setembro ao 18 de outubro, no espazo Antalla Solais.

IMG_20150503_120418Non quero desvelar moito da obra que presento, ten moita poesía, e moito azul 🙂 e, sobre todo, moitísimo traballo. Papel, tea, cianuro… Aquí unha imaxe dunha pequena parte do traballo.

A verdade pensei que sería complicado meter todo nunha caixiña, pero finalmente aínda deixei algún espazo baleiro.

Advertisements